"—Atendendo aos datos do brote na comarca, como valora a súa evolución?
Valóroa mal porque a tendencia segue a ser exponencial, o que
significa que o crecemento do brote non está a frearse. Non se trata dun
brote moi explosivo, mais está medrando ao mesmo ritmo, o que é unha
mala noticia.
—Cinco días abondan para que se deixe sentir o impacto do fechamento da Mariña?
Aí é onde teño eu a pregunta, porque realmente non sei cales son as
medidas que se están a tomar na propia comarca. Simplemente está fechada
para que a poboación non saia fóra?
—A máscara é obrigatoria e os locais manteñen a capacidade reducida nos locais.
Daquela a situación está case como antes do fechamento, case toda a
xente emprégaa habitualmente. Eu penso que o fechamento é positivo para
que o brote non se estenda, pero creo que deberan aplicarse outras
medidas máis fortes dentro para evitar que continúe a medrar na Mariña.
Penso, como creo que moita xente, que o prazo de cinco días foi
adoptado máis por motivos políticos que de saúde. Por outra banda,
considero que é bo ser dinámicos, con prazos curtos para comprobar a
evolución dos acontecementos para valorar se estender ou non estas
medidas. A evolución é mala, veremos que se fai.
—A celebración das probas ABAU ou das eleccións do domingo podería agravar a evolución da enfermidade?
A ABAU decorreu en todo o Estado con coidado, coas máscaras postas.
Hai que ter en conta que nos exames o alumnado non está a falar, o que
tería aumentando o risco. Non é bo, mais se se ten coidado non ten que
haber problema. En canto as eleccións, o barullo que teño presenciado
non é o máis recomendábel agora. Ademais, hai persoas que teñen que
pasar case todo o día enteiro nos colexios. Pódense tomar medidas,
claro, pero é complicado.
—Que medidas considera daquela que serían axeitadas?
O confinamento foi moi efectivo. Decretouse tarde, cando xa tiñamos
un número de casos tan alto que non se puido evitar a traxedia, mais a
evolución non foi a que está a ter lugar no Brasil ou nos Estados
Unidos. Na Mariña poderíase aplicar un confinamento semellante. O
principal problema é que as medidas sempre chegan con retardo. Hai que
adiantarse, tomar unha decisión, logo podemos retirala se a consideramos
esaxerada. O contrario non funciona.
—Un informe do Sergas da pasada fin de semana advirte da posíbel transmisión comunitaria. Coincide con esa valoración?
Quen teñen os datos son os profesionais sobre o terreo, mais penso,
polo que eu podo analizar da evolución dos casos, que xa hai transmisión
comunitaria. Non entendería que con brotes illados, nos que os
contactos estean controlados, poida haber este crecemento exponencial.
Creo que desde o principio do brote hai unha serie de persoas
asintomáticas que non estamos a ver e que están a facer que esa
transmisión comunitaria teña lugar.
—No rastrexo de contactos das persoas contaxiadas, que
importancia ten atopar o paciente índice (o que comeza a cadea de
transmisión da enfermidade)?
Non son epidemiólogo e non teño unha opinión ben formada, mais penso
que chegado este momento non é tan importante. Pode haber máis dun, dous
ou tres casos que comezasen a contaxiar.
—Ten explicado que as dinámicas dunha epidemia non se poden
predicir, pero é posíbel debullar posíbeis escenarios da súa evolución?
Podemos comparar que acontecería se a situación segue como até o de
agora ou se se tomasen outras medidas de contención. Pero mentres o
crecemento sexa exponencial como até o de agora non hai ningunha pista
nos datos que poida dicir cando o brote vai comezar a frear. Isto pode
acontecer mañá, dentro dunha semana ou de dúas.
—Coa excepción do 7 de xullo, as pasadas xornadas rexistraron
un número de novos casos cada vez máis alto. Tendo isto en conta,
poderíase afirmar que o brote está baixo control?
Non, totalmente non. O brote estaría controlado se o número de novos
casos fose máis lento do que agardaríamos tendo os datos que temos. E
non está a ser así. De novo, quen o pode analizar mellor son os
profesionais sobre o terreo. Se os contactos están localizados e
controlados comprobarán que isto frea. Eu só vexo os casos novos de cada
día, que é unha información moi nesgada que fai que eu poida
equivocarme. Mais, a partir dela, o que podo deducir é esa falta de
control.
—O acceso aos datos dispoñíbeis da pandemia no Estado suscitou numerosos debates. Considera que mellorou nestes meses?
Non aprendemos nada sobre datos e como transmitilos. As
Administracións continúan a compartilos en formatos terríbeis, ás veces
mesmo enganando un pouco. Por exemplo, o dato que hoxe compartiu a Xunta
da Galiza era de 21 casos no brote da Mariña, porque estaban a tomar os
casos novos e mais a restar os de persoas curadas. Un tiña que ler a
noticia con atención para decatarse de que son 35 os novos casos na
comarca. Así a Xunta e así o resto de Administracións. No caso galego,
cun brote de poucos días, non é tan problemático tomar os datos e
introducilos a man no ordenador, mais é o único modo de facelo agora".
(Entrevista ao físico berciano Saúl Ares que lidera un proxecto para predicir a dinámica epidémica da COVID-19, Raquel C. Pérez, Nós, 10/07/20)
No hay comentarios:
Publicar un comentario