26/7/22

Os incendios deixan de medrar dez días despois de comezar a vaga tras queimar preto de 32.000 hectáreas... entre elas os dous maiores incendios en Galicia desde que hai rexistros comparables, no Courel e Valdeorras

 "Na noitiña do xoves 14 de xullo a tormenta de raios que se rexistrou por toda Galicia provocou múltiples incendios forestais, varios dos cales non puideron ser controlados nas primeiras horas e desembocaron na maior vaga que se rexistra no país desde 2017, cando nunha fin de semana do outono arderan unhas 50.000 hectáreas.

 A primeira hora deste sábado, no que será o décimo día desde o comezo da actual vaga, o cómputo que fai a Xunta é de preto de 32.000 hectáreas queimadas, entre elas os dous maiores incendios en Galicia desde que hai rexistros comparables, no Courel e Valdeorras. Pero a situación parece comezar a estar controlada.

O parte de incendios de primeira hora da mañá deste sábado apenas rexistra variacións non só a respecto do parte da noite do venres senón mesmo do da noite do xoves, despois de que na tarde deste venres o presidente Rueda avanzase que "despois de días moi complicados" os fogos "están camiño de ser controlados completamente". "A climatoloxía está axudando" e "están francamente mellor".

Dos 12 incendios de máis de 20 hectáreas aínda sen extinguir dos que informa a Xunta xa só se consideran activos catro, os máis grandes, no Courel, Valdeorras e Vilariño de Conso. Pero ningún deles aumentou de hectáreas nas últimas horas. Outros dous incendios, en Quiroga e Oímbra, danse por estabilizados, mentres que a principal novidade das últimas horas é que a Xunta considera controlados tres incendios, os das parroquias de Videferre e San Cibrao, os dous en Oímbra e orixinados en Portugal, e o da parroquia de Cereixedo en Cervantes. Súmanse así aos outros tres restantes incendios que aínda non están extinguidos pero si xa controlados.

Ademais, na tarde deste venres a Xunta deu por extinguido na parroquia do Castro, en Cervantes, un incendio do que inicialmente informara que estaba a afectar a máis de 20 hectáreas pero do que tras apagalo informa que só queimou media hectárea."                 (David Reinero, Praza Pública, 23/07/22)

No hay comentarios: