"Pasamos todo o día falando do tempo ("E mañá choverá?"). Nos
ascensores, para para organizar a fin de semana ou para colgar a roupa.
Pero canto sabemos sobre o tempo e o clima, sobre as súas variacións e
fenómenos e sobre como predicilo? Os profesores de Xeografía Física da
USC Alberto Martí e Dominic Royé, o meteorólogo Juan Taboada e o
xornalista Xavier Fonseca publicaron hai uns meses o libro Os tempos e o clima de Galicia
(Xerais), unha obra de divulgación científica que debulla de forma
didáctica e cunha linguaxe sinxela os elementos máis importantes da
meteoroloxía.
A obra, acompañada por un abundante apoio visual
(mapas, imaxes de satélite e de radar, gráficos, debuxos e fotografías)
repasa algunhas curiosidades sobre o tempo que fai emn Galicia e sobre
fenómenos que nos afectan de forma cotiá. No volume tamén se recollen os
récord climáticos galegos, que nos permiten saber cal é o concello no
que máis chove, onde fai máis sol, ou onde fixo máis frío dende que hai
rexistros fiables
O libro fala tamén de cambio climático. O clima está a cambiar de forma acelerada; é un feito. Unha realidade que ademais xa estamos a percibir no noso día a día.
Os primeiros días de calor cada vez se adiantan máis no ano, e de igual
xeito os outonos cada vez son máis cálidos. As precipitacións son
menores e, ademais, sofren alteracións máis extremas. No 2017 Alberto
Martí e Dominic Royé publicaron un traballo que explicaba como froa cambiando o clima de Santiago de Compostela nas últimas décadas.
A
comunidade científica estudou tamén os efectos futuros, que se manterán
nas vindeiras décadas por mor das emisións de CO2 á atmosfera, e que debuxa un clima en Galicia moi distinto ao actual e con consecuencias moi negativas no litoral. Falamos con Alberto Martí, un dos autores do libro.
Tradicionalmente sempre se mirou o ceo, a xente necesitaba
saber que tempo ía facer para poder levar a cabo a súa actividade, no
campo ou no mar. Había métodos tradicionais de observación e predición
que foron superados polas técnicas científicas. Pero sabemos hoxe moito
ou pouco sobre meteoroloxía? O tempo aféctanos a todos, falamos moito
del, pero temos uns coñecementos mínimos?
Efectivamente, é
un dos temas sobre os que máis se fala. E ademais fala del todo o
mundo, porque a todo o mundo lle afecta no seu día a día, dende a xente
máis nova á xente de máis idade, que ademais foi acumulando loxicamente
máis experiencia climática. Pero o certo é que hai bastante confusión,
bastante descoñecemento neste tema, mesmo sobre algúns conceptos e
termos que se repiten con frecuencia, e moitas veces de forma
incorrecta.
Refíreste por exemplo á diferenza entre tempo e clima?
Si.
O tempo é o estado da atmosfera nun momento e un lugar determinado; e o
clima é un concepto moito máis estable e pódese definir como o conxunto
de condicións atmosféricas habituais dun lugar nun longo período de
tempo. Son dúas cousas completamente diferentes e a xente tende a
confundilas moito e a empregar os dous termos de forma indistinta. E
refírome tamén a xornalistas e medios de comunicación, que adoitan falar
de 'climatoloxía adversa', cando deberían falar de 'tempo adverso' ou
de que 'volve o clima invernal', cando o correcto é falar do 'tempo'.
O libro ten, nese senso, unha vontade de divulgación, de
transmisión de coñecemento práctico, mesmo achegando moitas curiosidades
sobre o tempo e o clima de Galicia. E dá a impresión de que podía ter
incluído moitos máis temas. Dá para falar o asunto do tempo, non si?
Si,
queríamos desenvolver os contidos do libro dunha maneira sinxela, cunha
linguaxe amena, con multitude de recursos didácticos -mapas, gráficos,
fotos, recortes de prensa...- para facer máis comprensibles fenómenos
atmosféricos que a xente coñece, porque os viviu. Queríamos que o libro
fose accesible, pero sen perder rigor, cos métodos máis actuais e con
fontes novidosas.
A maior parte do índice está plantexado en forma
de preguntas, temas cotiás sobre os que moita xente se preguntou
algunha vez. E a continuación pasamos a contestalas unha por unha. E xa
no remate do libro introducimos algunhas curiosidades sobre o tempo e o
clima que pensamos que sempre están aí no aire: dende por que a auga nas
Rías Baixas está tan fría, por que cambia a cor do ceo, por que é
beneficioso o frío para as árbores froiteiras ou se o vento pode
provocar transtornos psíquicos nas persoas.
Galicia, pola súa orografía e a súa situación, no balcón do
Atlántico, ten un clima variado e, ademais, un tempo cambiante. Estamos
nun lugar interesante para estudo da meteoroloxía e a climatoloxía
Si,
esta quizais é unha das cuestións que máis chama a atención no libro e
que puidemos amosar de forma máis clara, grazas aos mapas que
publicamos. Ás veces preséntase Galicia como se tivese unha
homoxeneidade climática, sobre todo cando se amosa un mapa estatal, que
se limita a sinalar que o noroeste ten 'clima oceánico'. Pero a
realidade é que hai unha gran diversidade interna, entre a costa e o
interior, entre a Mariña lucense e as Rías Baixas, entre a Terra Chá e
Ourense. Galicia é un país cunha gran cantidade de matices e contrastes
climáticos e meteorolóxicos. Por exemplo, Verín conta cada ano con máis
do dobre de horas de sol que Abadín. E, en cambio, Abadín ten o dobre de
días de chuvia que Verín. E todo isto é debido a un relevo moi
irregular e rico e ao feito de estar de cara ao Océano Atlántico, que
ten unha grande influencia sobre o clima galego.
O libro inclúe os resultados dunha enquisa que realizastes
hai un tempo, na que se preguntaba a 700 persoas en que tipo de clima
preferían vivir. Cales foron os resultados?
Nesa enquisa
recollemos que á maior parte da poboación de Galicia lle gustaría ter un
clima con veráns suaves, invernos tamén suaves, sen demasiado frío, con
bastantes horas de sol, non demasiadas precipitacións... Despois, a
través dun modelo elaboramos un mapa para ver as zonas de Galicia que
cumpren en maior medida con esas preferencias subxectivas da xente, que
coincidirían sobre todo co clima das Rías Baixas. Neste tipo de estudos
resulta moitas veces curioso como moitas persoas din preferir un clima
distinto ao que habitualmente teñen. En Canarias, por exemplo, o que
máis se valoraba era a ausencia de vento, cando as illas son moi
ventosas, pola presenza dos alisios. E en Andalucía o que se reclamaba
era veráns frescos e máis días de chuvia.
O libro tamén trata, como non podía ser doutra forma, o
cambio climático, do que estes días se está a falar aínda máis que
nunca, por mor do Cumio de Madrid. O cambio climático é un feito
demostrado, aínda que algúns sectores se neguen a aceptalo?
Que
o clima está cambiando é unha evidencia demostrada cientificamente,
algo que temos tan claro como que a Terra é redonda. Está totalmente
comprobado que o cambio climático é unha realidade, aí están os datos e
as series estatísticas, e ademais é algo que xa estamos sufrindo, non é
unha ameaza futura.
O que máis nos chama a atención é que nos
últimos anos o cambio do clima se está acelerando máis do que hai uns
anos se podía esperar. Hai algunhas variables que nolo están indicando,
sobre todo as relacionadas coas temperaturas, a frecuencia e intensidade
das ondas de calor, o incremento dos chamados días de verán -aqueles
días nos que se acadan ou se superan os 25 graos-, a súa aparición cada
vez máis temperá na primavera e a súa permanencia ata cada vez máis
tarde no outono, que cada vez é unha estación máis cálida.
De aí a urxencia de actuar, que se está reclamando estes días no
Cumio do Clima de Madrid, porque se non actuamos xa de forma decidida, a
situación se nos vai escapar das mans. Despois será moito máis difícil
de frear. Temos que ser conscientes de que aínda que eliminásemos agora
as emisións o cambio climático continuaría, porque o CO2 que fomos
acumulando seguiría na atmosfera durante moito tempo. Pero é que se non
facemos algo xa, o incremento das temperaturas vai ser aínda moito máis
rápido e perigoso.
Podemos saber xa como vai ser o clima en Galicia dentro dun par de décadas se continúa a tendencia actual?
Si,
podemos facer unha previsión moi fiable de como será a situación dentro
duns anos nun lugar concreto, de manterse as actuais tendencias. Son
modelos complexos e bastante precisos, nos que levamos traballando dende
hai décadas e que están cumprindo o que dicían hai tempo. Polo tanto,
aí están esas previsións de que en 20, 30 ou 40 anos o clima de
Santiago, sobre todo a súa temperatura, se parecerá ao que hoxe ten
Ourense, e que o clima de Ourense se parecerá ao que hoxe ten Sevilla.
Aí están e hai que facerlles caso, porque non son afirmacións de ciencia
ficción, senón baseadas en traballos fiables e moi elaborados, en datos
obxectivos." (Entrevista a Alberto Martí, Marcos Pérez Pena, Praza Pública, 06/12/19)
No hay comentarios:
Publicar un comentario