13/5/10

Alcaldes socialistas denuncian discriminación por parte da Xunta

"Piden un reparto dos orzamentos “máis xusto e equitativo” e consideran “inadmisíbel” que se distribúan atendendo a “criterios políticos e partidistas”.

“Un reparto xusto e equitativo dos orzamentos”. Iso é o que pediron unha representación de 80 alcaldes socialistas á Xunta de Galiza mediante un escrito rexistrado en San Caetano. Os rexedores, comandados por Alfredo García (alcalde do Barco de Valdeorras), explicaron que os seus concellos están nunha situación de “asfixia” e que contan con “verdadeiros problemas para prestar os servizos á cidadanía”.

Incumprimento do Pacto Local e criterios políticos

Segundo denuncian, o Goberno está a incumprir o Pacto Local, o que está a repercutir no “mantemento das equipas educativas e de saúde” xa que, din, “os concellos non contan cos fondos necesarios para asumir este custo”. Ademais, criticaron a redución de achegas económicas para os programas de cooperación, no marco do que se contratan a persoas desempregadas, sobre todo “nun momento no que o paro é un dos problemas máis graves”.

Ademais de recordar que o Goberno realiza o reparto de fondos de promoción de emprego atendendo a “criterios claramente políticos e partidistas”, en lugar de distribuír o orzamento en función do número de desempregados de cada concello, tamén subliñaron os problemas dos municipios para asumir servizos vencellados á Dependencia ou conciliación. Neste sentido anuláronse os correspondentes convenios ou os propios comedores escolares, ademais de paralizar as obras de saneamento e abastecemento con procesos de adxudicación xa iniciados. Finalmente, criticaron a falla de criterios obxectivos para o reparto de fondos e distribución das obras previstas no Plan Hurbe da Xunta." (Vieiros, 13/05/2010)

“Sen cortarse un pelo, fixeron un reparto de fondos totalmente discrecional, favorecendo de xeito descarado aos concellos onde goberna o PP”, acusa o deputado socialista Xosé Tomé Roca. O PSdeG fixo a denuncia no Parlamento, onde acusou ao Goberno de “reparto escandaloso e clientelar” das axudas á contratación de desempregados que concede a Xunta aos concellos.

Como proba presentan os datos de axudas dos Programas de Cooperación publicadas por Traballo no DOG (29 de marzo): os municipios populares recibiron 614 euros de media, fronte aos 233 que recibiron os do BNG e os 194 que cobraron os do PSdeG. Ademais, Tomé Roca, explicou que a Xunta “amparou esta cacicada mudando as persoas encargadas de facer as valoracións das solicitudes”.

Destacou que a situación resulta aínda peor no caso das grandes cidades, xa que, fronte á media de 614 euros dos concellos do PP, Ferrol percibe 86 euros por parado, Pontevedra 118, Santiago 156, Lugo 110, Ourense 133, A Coruña 71 e Vigo 70 euros por parado. Fronte a estes datos, os concellos de Moeche ou Boqueixón, os dous do PP, recibiron 1.984 e 1.147 euros por parado, respectivamente." (Vieiros, 23/04/2010)

No hay comentarios: