"O xuíz da Audiencia Nacional Ismael Moreno ordenou o embargo do
patrimonio do expresidente de Novacaixagalicia Julio Fernández Gayoso e
do exdirector xeral adxunto executivo Javier García de Paredes, ao non
depositar as fianzas que lles impuxo en novembro para facer fronte ás
responsabilidades civís que puidesen derivarse do procedemento.
Os dous exbanquieros teñen, agora, embargados bens mobles e inmobles,
entre os que se atopa un vehículo, así como de varios produtos
financeiros por non depositar esta fianza.
O maxistrado impuxo o pasado 6 de novembro unha fianza de 7.021.352,57
euros a García Paredes e declarou que Fernández Gayoso debía ser
responsable civil solidario tanto desta caución como das que lles impuxo
a outro tres exdirectivos. Trátase do exdirector xeral da caixa José
Luís Pego, que tivo que afrontar unha fianza de 1.925.222,90 euros; o
que era responsable do Grupo Inmobiliario Gregorio Gorriarán, que avalou
1.218.136,53 euros; e o responsable da oficina de integración Óscar
Rodríguez Estrada, ao que se impuxo unha caución de 347.920,02 euros.
Os cinco exdirectivos están imputados na comisión dun delito de
administración desleal ou, alternativamente, de apropiación indebida. Na
súa querela, Anticorrupción apuntaba que os exdirectivos "dispuxeron
fraudulentamente de bens da entidade, ocultando ao consello de
administración e ao Banco de España o importe das súas prexubilacións, e
ás cales en parte non tiñan dereito, todo iso en menoscabo da entidade
crediticia que administraban e do Fondo de Reestruturación Ordenada
Bancaria (FROB)". (Galicia Confidencial 09/01/2013)
No hay comentarios:
Publicar un comentario